Puntuación: 2.4/5 (56 votos)
Publícase íntegra a correspondencia cruzada entre Ramón Piñeiro e Basilio Losada durante
máis de vinte anos. O libro, titulado Do sentimento á conciencia de Galicia, é unha publicación realizada por Editorial Galaxia en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e recolle un total de 453 cartas en máis de 1000 páxinas. A edición dos textos correu a cargo das profesoras María Xesús Lama e Helena González.
A través desas cartas pódense coñecer polo miúdo os proxectos desenvolvidos polos grupos galeguistas durante a ditadura, a incorporación dos estudos de galego nas universidades de Compostela e Barcelona, a galeguización do Centro Galego de Barcelona, os avances no recoñecemento da lingua a nivel institucional e popular e as revoltas contra o réxime franquista.
O libro constitúe un epistolario excepcional, que sobarda o carácter privado para constituír un
pormenorizado testemuño dun longo período da historia galega vista e vivida por dous intelectuais
comprometidos cunha idea de dignificación de Galicia. Desde Compostela, Piñeiro actúa
como mestre e amigo, editor e dinamizador do galeguismo; en Barcelona, Basilio Losada segue o
decorrer das novidades que atinxen o galeguismo, intervén nas actividades da clandestinidade,
actúa como mediador entre a cultura galega e a catalá.
[Presentación editorial]