Puntuación: 1.6/5 (73 votos)
Velaquí un novo volume da Biblioteca Ramón Piñeiro, na que Editorial Galaxia reúne as obras
do pensador homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2009. Desta volta trátase dun libro
no que se recompilan, en edición do profesor Henrique Monteagudo, textos de Ramón
Piñeiro seleccionados con dous criterios: o tema e o tempo. Ensaios breves, prólogos, conferencias
e discursos, e artigos que permanecían dispersos e que, por primeira vez, se publican
conxuntamente en
O espertar da conciencia galega.
Nos textos de Ramón Piñeiro incluídos neste libro “gurgullan as ideas e interpretacións, adoito
orixinais e faiscantes dunha mente dotada dunha intelixencia fulgurante, dunha extraordinaria
capacidade para a reflexión, dunha amplitude de coñecementos sobre os temas que toca
e agudeza de visión verdadeiramente sen par”, segundo escribe Henrique Monteagudo no
limiar.
O tema que dá unidade ao libro é a cultura galega nas súas diversas facetas, e máis especificamente,
a cultura galega coetánea a Piñeiro. Aproximadamente desde 1950 a 1985. A reflexión
sobre a cultura galega constituíu unha das súas principais tarefas intelectuais de Ramón
Piñeiro, inseparable da súa propia acción no mesmo ámbito, as dúas de grande importancia no
discorrer da historia de Galicia na segunda metade do século XX.
[Presentación editorial]