Puntuación: 2.1/5 (37 votos)
Cansada de facer todos os días o mesmo, Pulga decide coñecer mundo. Na súa viaxe pasará por desertos, bosques, montañas, chairas inmensas... fuxirá de perigos terribles e vivirá aventuras emocionantes.
Ese mesmo día, e á mesma hora, o Xigante estaba tan tranquilo cando, de súpeto, comezou a sentir un proído nos pés, logo nas pernas, nas costas„. Entón, a súa nai pareceulle ver... unha pulga?
Pulga fai uso da imaxinación e a fantasía para recrear un mundo de aventuras coas que se divertir e fuxir do tedio no que se atopa. A primeira incursión de Serenella Quarello, e xunto co seu irmán, na literatura infantil conta unha viaxe que, grazas ao afastamento e o cambio de enfoque das imaxes, amosa dous puntos de vista do mesmo acontecemento. Asemade, o emprego de planos pouco habituais revélanos como, ás veces, as cousas non son o que parecen.
O álbum ofrece ilustracións que aseguran unha lectura expresiva de gran riqueza de matices, cunha relación texto-imaxe que presenta certo equilibrio até que, nun momento do discurso, se produce unha transformación radical en favor das imaxes, e o texto pasa a se converter nun perfecto complemento dunha lectura preferentemente visual.
Maurizio A. C. Quarello ofrécenos unha nova demostración do seu dominio da técnica cinematográfica, da que tanto bebe, para contar en imaxes unha historia con encadramentos e primeiros planos verdadeiramente espectaculares. O obxectivo é inducir o lector a conformar imaxes que, máis tarde, o texto literario aclarará convenientemente, nunha depurada estilización de liñas e formas.
Ademais do divertirnento, o carácter lúdico desta obra favorece a estruturación de relacións espazo-temporais, e mais que comprendamos que pode haber varias miradas e interpretacións dunha mesma realidade.
[Presentación editorial]