Puntuación: 2.1/5 (55 votos)
O Día das Letras Galegas está dedicado este ano a Ramón Piñeiro: un home, un galego, que como moi poucos na nosa historia merecen esa honra. Agora cómpre levar a cabo a encomenda para a que a celebración se fundou: dar a coñecer as figuras máis sobranceiras na construción da nosa identidade e da nosa historia, e aprender a lección que coa súa vida e a súa obra nos entregan en herdanza preciosa.
Este «Dicionario» únese a toda unha serie de libros e traballos que, por sorte, ou apareceron xa en están a se xerar nos distintos obradoiros da nosa cultura. Polas características da súa redacción e da súa finalidade, está chamado sen dúbida a ocupar un lugar propio e específico. A presenza persoal de Piñeiro foi sempre discreta, pero ubicua: sen ela resulta imposible entender a historia recente de Galicia, tanto na biografía de moitos dos seus protagonistas como na marcha pública da nosa cultura, da nosa sociedade e da nosa política. A súa obra escrita é máis ben escasa e abondo dispersa, pero sempre chea de lucidez e pletórica de substancia, Achegarnos a ambas, cunha información esencial e precisa, é xustamente o propósito principal do «Dicionario».
Na súa realización o autor, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, logrou un estraño equilibrio, non xa só entre a brevidade e o rigor -cousa de agradecer nestes tempos de infracción escribidora-, senón entre a sintonía cordial e a rigorosa obxectividade. Non era doado, pero que o logrou constitúe unha evidencia que calqucra lector ou lectora poderán comprobar desde as primeiras páxinas. Comprobar e, estou seguro, agradecer.
Como lle pasou ao prologuista, seguramente tamén aos lectores lles sorprenderá a concepción desta obra, que, desde logo, non responde ao que de ordinario se espera dun dicionario ao uso. No canto de entradas alfabéticas, cómodas de atopar pero necesariamente inconexas, encontrará unha presentación orgánica, diacrónica, que se adapta coma unha luva cordial ao discorrer biográfico do protagonista.
[Fragmento do Limiar de Andrés Torres Queiruga]