Puntuación: 2.1/5 (64 votos)
Paco Trolas mergúllase na difusa liña entre o real e o imaxinario dos máis pequenos, capaces de dar vida aos personaxes que habitan na súa imaxinación, mesmo ata o punto de facemos dubidar do que é verdade e do que é mentira.
Entre os procesos que rexen á creatividade na infancia, a fantasía ocupa un lugar dominante. A percepción da realidade e a interacción co mundo a través da fantasía está sempre presente nas diversas formas de comunicación dos cativos.
Paco Trolas, o protagonista desta historia, percibe e expresa a realidade como un xogo fantástico ao servizo dun fin preciso: fala de lobos, raposos e gatos que están na súa imaxinación. Pero a fantasía ten un carácter efémero e non chega á materialidade da percepción; por iso, Paco, igual que os lectores, terá que discernir entre fantasía e realidade no momento oportuno, o que acontece xusto no momento de pechar o conto.
De novo, Roberto Aliaga sorprende cunha historia de linguaxe sinxela pero coidada, vocabulario accesible, frases curtas e emocionais ao alcance dos pequenos lectores, que se identificarán con Paco, os seus medos, os seus xogos e a súa fantasía.
O traballo plástico de Simona Mulazzani representa un bo exemplo da liña artística que esta ilustradora italiana mantén na actualidade, enmarcada nunha proposta dominada pola collage de diversas técnicas (acrílico, lapis...) para achegar unha variada iconografía disposta entre liñas sinxelas e esquemáticas e planos medios nun discurso plástico-narrativo moi persoal e ben recoñecible.
As imaxes de Mulazzani ocupan un espazo absolutamente dominante respecto ao texto literario, o que forza unha lectura sobre todo plástica dos elementos que conforman o mundo imaxinario no que vive o personaxe principal, a modo de visións que se aparecen sucesivamente ao longo da obra para que o lector poida tamén manterse alerta e a imaxinación non poida máis que a realidade.
[Presentación editorial]