Puntuación: 2.0/5 (83 votos)
Editorial Galaxia publica
O prodixio dos zapatos de cristal, recreación do conto tradicional de Charles Perrault a cargo de Xosé A. Neira Cruz. Xunto con O debut de Martino Porconi a editorial inicia unha nova colección, Árbore Musicontos, nun ambicioso proxecto nacido da colaboración coa Real Filharmonía de Galicia quen puxo o marco musical ("La Cenerentola", de Rossini) e da voz da actriz de dobraxe Teresa Santamaría.
Literatura e música danse a man neste musiconto (libro+CD) ilustrado por Rodrigo Chao, de
tal xeito que o lector-oínte gozará dunha experiencia estética a varios niveis: o pracer dun conto ben escrito, o pracer dun conto ben narrado, e o pracer da música, que actúa coma un soporte
perfecto para toda a historia. Xosé A. Neira Cruz e o director da Real Filharmonía de Galicia, Maximino Zumalave, traballaron man con man para seleccionar as partes da ópera de Rossini que servirían para ambientar o conto nesta nova versión, un chisco irreverente, pero que nos permite volver a ler a historia clásica con ollos novos.
Este musiconto é, xa que logo, un libro que vai poder ser gorentado tanto polos máis pequechos da casa como polos adultos. Non é só a historia. Tampouco só a música. O musiconto é un conxunto onde todo se une para engrandecer a literatura e o gusto por contar. Se os bos libros teñen que esforzarse en agradar e entreter, este libro que agora presentamos cumpre con eses obxectivos sobradamente.
[Presentación editorial]