Puntuación: 2.0/5 (46 votos)
Un pai é quen de transformarse nas cousas máis incribles: tractor, colchón, espertador, guindastre... Un libro que se achega á relación de complicidade entre pai e fillo, e que invita a ambos os dous a descubrirse xuntos e a estreitar os lazos da súa relación familiar ao paso de cada páxina.
Texto e imaxe, perfectamente trenzados, tecen un xogo de afectos e afinidades entre adulto e neno. Dende o punto de vista artístico, o libro aposta por unha "poética da suxestión", animando o lector a descubrir o sentido de cada escena, con deseños esquemáticos, sinxelos e parcos en cores, nos que a letra se integra na ilustración.
Isabel Martins estudou Deseño de Comunicación na Facultade de Belas Artes de Lisboa (Portugal). Elaborou proxectos educativos nunha axencia de comunicación pedagóxica. Fundou o estudo Planeta Tangerina, convertido posteriormente en editorial, onde levou a cabo algún dos seus traballos: textos para revistas infantís, guións para álbums de banda deseñada e películas de animación, ademais de contidos para servizos educativos e museos, entre outras iniciativas.
Bernardo Carvalho, que tamén pertence ao equipo de Planeta Tangerina, ten unha longa experiencia como ilustrador. Por este libro obtivo senllas mencións especiais no Premio Nacional de Ilustración 2006 de Portugal e no certame dos Libros Mellor Deseñados en todo o Mundo, celebrado en Alemaña.
[Presentación editorial]