Puntuación: 2.0/5 (76 votos)
Este volume, que segue a edición italiana de Italo Calvino, recolle todos os poemas de Pavese non comprendidos en Lavorare stanca. Acolle, pois, as quince Poesías do desamor (1934-38), outros poemas dos anos 1931-1940, A terra e a morte (1945-1946), dous poemas de 1946 e Virá a morte e terá os teus ollos. Deste xeito é posible seguir o desenvolvemento da poesía de Cesare Pavese dende os seus primeiros pasos.
Cesare Pavese (1908-1950) foi un dos autores italianos máis importantes do século XX. Nado nunha familia pequeno burguesa de orixe labrega, tivo entre os seus mestres a Augusto Monti, figura do ambiente antifascista turinés e amigo de Antonio Gramsci. Licenciouse cunha tese sobre Walt Whitman, e traduciu entre outros a Melville, Gertrude Stein, Steinbeck ou Hemingway. O seu activismo no mundo cultural italiano levouno a participar na fundación da editorial Einaudi, na que traballou de editor.
Vítima de constantes depresións e dunha soidade interior que trataría de vencer ao longo de toda a súa vida, Cesare Pavese suicidouse o 27 de agosto de 1950 nun hotel de Turín, deixando a seguinte despedida: “Perdoo a todos e a todos pido perdón. De acordo? Non murmuredes moito”.