Puntuación: 1.7/5 (52 votos)
Todas as mañas, o galo de Filiberto e Sacramento subía ao campanario e cantaba: “¡O sole mío...” Así foi durante moitos anos, tantos que semellaba que sempre ía ser deste xeito. No entanto, o capón foise facendo maior e unha noite fechou os ollos para durmir…
A morte é un concepto difícil de comprender para os pequenos e de explicar para os adultos. O último canto enfróntaa dun xeito entrañable, como proceso natural da vida: o desenlace irreversible, universal e inevitable para todos.
O libro aborda as diferentes etapas que supón afectivamente a perda de alguén: dó, aceptación e, finalmente, o fermoso legado das súas lembranzas e faino sen perder tensión narrativa, emoción e espazos suxestivos. Deste xeito axúdase os máis pequenos a achegarse á morte de forma útil para reflexionar sobre a vida e valorar todos os seus bos momentos.
Paralelamente e de modo simbólico, a historia incide na importancia da transmisión de coñecementos como clave para madurar e avanzar cara ao crecemento emocional.
Estes conceptos e valores están reforzados coas interesantes perspectivas e fantásticas composicións pictóricas de Miguel Ángel Díez, quen creou para este álbum personaxes moi elaborados, con connotacións antropomórficas.
[Presentación editorial]