Puntuación: 1.8/5 (36 votos)
Unha familia de caracois vivía nunha xugosa col. Coa casa ás costas, percorríana lentamente na procura dalgunha herba tenra para roer. Un día, un pequeno caracol díxolle ao seu pai: "Cando sexa grande, quero ter a casa máis grande do mundo."
"Iso é unha parvada," respondeu o pai, que resultou ser o caracol máis prudente de todos. "As cousas grandes non sempre son as mellores." E contoulle esta historia...
Leo Lionni na súa nenez foi un gran admirador dos animais, sobre todo reptís, que acollía nun terrario con paredes de vidro, acondicionado con area, pedras, fentos e musgo. Desta afección xurdirían do tempo relatos como o do caracol que ansiaba ter unha casa máis chamativa que a de ningún outro dos seus conxéneres; unha metáfora máis sobre a vida, a prudencia, o sentido práctico das cousas, a humildade e a sinxeleza fronte á arrogancia e á superficialidade.
Cunha linguaxe de moita riqueza literaria, e cunhas ilustracións que destacan pola súa plasticidade e colorido, Leo Lionní presenta esta fábula que segue a senda doutros libros seus, como "Frederick", "Pequeno Azul e Pequeno Amarelo" e "Nadarín", publicados por KALANDRAKA; historias sinxelas que supoñen, en palabras do propio autor, "unha comprensión intuitiva da esencia das cousas e dos acontecementos".
[Presentación editorial]