Puntuación: 1.8/5 (40 votos)
Este libro é -dende o comezo- unha festa para os ollos, un fascinante encontro con 18 obras de arte a través de todo o mundo: rollos etíopes, biombos coreanos, máscaras brasileiras, iconos rusos...
A disposición das páxinas tamén lle propón ao lector entreterse levantando as pestanas despregables para descubrir os textos ocultos que suxiren ollar, xogar e que lle aclaran a lectura dos obxectos, con información sobre as obras, o seu lugar e época de creación. Invita a observar os detalles, os materiais, as formas artísticas...
Os adultos contan ao final cun rico complemento á Historia da Arte, cunha galería que contén información sobre as pezas reunidas, os países aos que pertencen, o tipo de arte no que se encadran, a súa descrición, utilidade e época en que foron feitas.
Caroline Desnoéttes pretende facer partícipes aos lectores máis novos do marabilloso mundo da arte. A autora francesa escribiu numerosos libros para o público infantil, entre os cales figuran coleccións como "O museo de...", "Pasea con colores" e "A Pintura a través do tempo".
Tamén é pintora e deseñadora; nesta faceta o seu maior obxectivo é desacralizar o mundo da arte, baixalo da 'torre de cristal' na que se atopaba e achegar a arte á vida diaria da nosa sociedade. Unha das súas últimas exposicións realizouse na Mediateca de Issy-les-Moulineaux.
[Presentación editorial]