Puntuación: 2.1/5 (45 votos)
En
Mondo e outras historias, protagonistas de nomes exóticos (Mondo, Lullaby, Alia, Daniel Sindbad…), rapazas e rapaces que arelan experimentar toda caste de sensacións, descobren as súas propias fantasías grazas a viaxes que realizan a poder de imaxinación. Suxeridoras viaxes que nos levan a Barasali, Dahlar Kebir ou Hazaran, onde a luz, a cor, o sol, rexen as súas vidas que precisan saír ó mar, botárense ó mundo á procura dos seus soños. Son adolescentes, cos seus problemas, que procuran a natureza como elemento liberador. Segundo os seus tradutores galegos, Raquel Villanueva e Valentín Arias, os textos de Le Clézio posúen un "raro poder", o don poético de abolir as fronteiras, todas as fronteiras, as que separan ao home das cousas, as que separan as cousas entre si, e tamén as fronteiras do home dividido, separado en compartimentos estancos no seu propio existir. "Este escritor, tan nostálxico ás veces, representa a vida de hoxe, lamenta a destrución da natureza, a proliferación das cidades de cemento e a tiranía da civilización mecánica na que todos estamos inmersos." Para concluír, "a lectura fácil de Le Clézio preséntase baixo un modelo de ciencia-ficción na que a procesión de visións nos deixa un camiño aberto para unha filosofía-ficción".
[Presentación editorial]