Puntuación: 1.8/5 (36 votos)
A obra poética de Antón Avilés de Taramancos constitúe xa un referente incuestionable dentro do marco da lírica galega contemporánea. A riqueza da súa proposta literaria nace como resposta a unha vida intensa mais formúlase como superación transcendente do mero acontecer biográfico.
Este volume recolle, por unha banda, unha análise demorada dos aspectos esenciais da obra poética de Avilés elaborada por varios recoñecidos críticos e creadores. Pola outra, incorpora unha escolma dalgúns dos seus poemas máis relevantes en versión bilingüe galego-inglés, que conforma a selección máis ampla da poesía de Avilés traducida a esta lingua ata o momento. Finalmente, ofrece os textos que seis nomeados poetas irlandeses escribiron como resposta á obra do autor de Taramancos, en versión inglés-galego.
“Raiceiras e vento” presenta, xa que logo, un interese notable tanto para os amantes da poesía como para os amantes da traducción literaria, ademais de procurar o establecemento dun diálogo cultural fecundo entre dous países tan intimamente vencellados: Galiza e Irlanda. O eixe que vertebra o volume é a presencia poderosa e senlleira de Antón Avilés de Taramancos, así como a certeza sen fisuras de que a súa obra poética está destinada a perdurar. O seu nomeamento como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas correspondente a 2003 ha consolidar a súa eternidade.
[presentación editorial]