Puntuación: 2.1/5 (51 votos)
Nos anos sesenta do século XX, o italiano Antonio Gramsci (1891-1937) sería descuberto como un dos máis grandes pensadores marxistas dese século, sobre todo debido aos apuntamentos que fora artellando durante os máis de dez anos pasados nos cárceres fascistas.
Na súa mocidade, de 1916 a 1920, como encargado da sección teatral da edición piamontesa do xornal
Avanti!, órgano nacional do Partido Socialista Italiano, entregou uns 200 textos sobre teatro: recensións, crónicas, notas etc., textos aos que hai que sumar uns cantos artigos sobre teatro ou temas teatrais notaras seccións do devantito xornal ou noutros xornais e revistas socialistas.
Publicadas en apéndice no volume
Literatura e vida nacional, case nunca traducidas, as recensións teatrais de Antonio Gramsci son, talvez, a parte máis descoñecida e menos estudada da súa obra, quizais consideradas como textos de circunstancia dun gran pensador e dirixente político. Mais as súas recensións, así como os textos contemporáneos (ou posteriores, como os escritos no cárcere, que se engaden na presente edición) sobre teatro, mostran un crítico orixinal, atento tanto á función social e política (e artística) do teatro como da crítica, e preocupado pola posta en escena dos textos teatrais e a súa interpretación por parte dos actores.
Se para Gramsci o teatro (como a literatura) goza dunha expresividade cultural autónoma, tamén é certo que para el un texto teatral non se converte en «teatro» até o momento en que é levado a escena, interpretado. O crítico teatral, xa que logo, debe dirixir e concentrar a súa atención na interpretación, na realización do texto... e nas reaccións do público, porque para Gramsci, teatro e crítica son dous dos múltiplos instrumentos de formación política.
Pódese afirmar que, por vez primeira, se recollen en volumes autónomos todos os escritos que sobre teatro escribiu Antonio Gramsci.
A Biblioteca-Arquivo comprácese, por tanto, en ofrecer aos lectores, neste primeiro volume, as reflexións sobre o teatro que o pensador italiano publicou nos anos 1916 e 1917.
[Lapela do libro]