Este chantadino de Merlán arrinca das pedras lemavas de Sober toda a mensaxe dos signos e dos símbolos, paralela sempre á súa información histórica e puramente artística, e faino porque como noutras obras súas, Xosé Lois sofre un proceso de identificación co obxecto do seu estudo; achégase neste caso a un feixe de templos rurais que conservan singulares trazas e elementos románicos ó lado das inevitables reformas barrocas, neoclásicas e aínda posteriores.
É obvio que o Románico non se pode apreciar nin entender sen o seu simbolismo, sen a súa significación de verdadeira lección pétrea en tempos nos que o analfabetismo era norma fóra de ámbitos moi concretos e determinados. Por iso, debe recoñecerse a importancia do inxente traballo que Xosé Lois García realizou en Sober, por exemplo e por citarmos tan só tres pezas senlleiras do elenco que este libro recolle, para nos ofrecer esta súa documentada visión de igrexas como Anllo, Labios ou Proendos.
[Fragmento do Limiar de Felipe Arias. Director xeral de Patrimonio Cultural]