Puntuación: 1.7/5 (91 votos)
O Consello da Cultura Galega, preocupado por colaborar no estudo das manifestacións do pobo galego ao longo da súa historia, quere celebrar a aparición dos primeiros diarios en Galicia coa súa edición facsimilar. Xunto a ela, publícase un conxunto de traballos onde distintos expertos explican o contexto en que apareceron eses medios impresos e as súas características. Pareceu apropiado achegar á edición facsimilar un volume de estudos críticos en que diversos estudosos do ámbito histórico e xornalístico analizan as características e o relevo destes medios. Deste xeito, dáselle continuidade a unha liña de traballo que comezou no ano 2000 coa edición facsimilar do primeiro fito do xornalismo en Galicia:
El Catón Compostelano.
A proposta para recuperar en edición facsimilar as primeiras cabeceiras galegas nacidas en 1808 ao abeiro da Guerra da Independencia partiu da Sección de Comunicación e do Arquivo de Comunicación do Consello da Cultura Galega. O proxecto, que contou dende o primeiro momento co apoio activo do profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández, desenvolveuse mediante un convenio coa Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, que, da man do seu secretario, o xornalista e profesor universitario Fernando Salgado, quixo sumarse ás iniciativas para coñecer un pouco mellor o nacemento dos diarios en Galicia e as súas características como produtos informativos.
O traballo de localización e edición dos catro títulos analizados –
Diario de Santiago, Diario de la Coruña, Telégrafo Político y Literario de la Coruña e Gazeta de la Coruña (nacidos a mediados de 1808 e cesados coa chegada dos franceses a Galicia en xaneiro de 1809)–, levouno adiante a profesora, escritora e técnica do Consello da Cultura Galega, Rosa Aneiros, coa colaboración do profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández. Polo seu interese, e dado que nunca se traballou este campo en profundidade, valorouse tamén como importante a inclusión da chamada
Gazeta francesa –en realidade continuación da
Gazeta de la Coruña, baixo o mesmo título pero con espírito afrancesado– vixente entre xaneiro e xuño de 1809. A presenza da gazeta, de periodicidade bisemanal, neste proxecto de primeiros diarios galegos (1808-1809) vén determinada polo seu interese histórico. Así pois, esta edición facsimilar abrangue un ano de apaixonante historia xornalística dende a data de nacemento dos diarios ata a expulsión dos franceses de Galicia. Nese tempo, a loita, as arengas, as proclamas, as cartas, os correos, a disputa, en definitiva, a rebelión ideolóxica da man dos «papés públicos».
[Presentación editorial]