Érase unha vez unha casa no medio do Mar. A casa tiña unha torre que miraba ao Poñente, unha escalinata que se adentraba nas augas, e unha árbore, polo Levante, que floreaba entre marzo e abril.
Alí vivían, namorados, unha muller que tocaba o violonchelo e un pintor engaiolado polo Mar e as súas criaturas, polos segredos que gardan as súas profundidades, os seres marabillosos que el imaxinaba que as poboaban e polas costas de terras afastadas no cabo do mundo, ás que as súas augas podían conducir se se sabía encontrar o rumbo. [Presentación editorial]