Puntuación: 2.2/5 (57 votos)
Erri De Luca (Nápoles, 1950) abandonou aos dezasete anos o seu traballo como obreiro na construción para unirse ao movemento político Lotta Continua, do cal se converteu nun dos seus principais dirixentes durante os anos setenta.
Tras isto desempeñou numerosos oficios en Italia e no estranxeiro, como obreiro, camioneiro, almacenista ou albanel. Durante a guerra na ex Iugoslavia foi condutor de convois humanitarios destinados á poboación. Estudou de xeito autodidacta diversas linguas, entre elas o hebreo antigo, do que traduciu algúns libros da Biblia.
En 1989, case aos corenta anos, publicou o seu primeiro libro, Agora non, aquí non, unha evocación da súa infancia en Nápoles.
A obra de Erri de Luca, de marcado carácter autobiográfico, comprende numerosas novelas e volumes de relatos, e traduciuse xa a varias linguas. Montedidio, que recibiu en 2002 o premio Femina Étranger, é o seu primeiro libro vertido ao galego.
Non é Xerusalén, é Nápoles, e un barrio seu de nome solemne e abusivo, Montedidio, Monte de Deus, onde ferve a vida dun denso xentío e onde nin sequera os mortos están quietos.
Aos trece anos un rapaz iníciase no traballo, no italiano e no amor. Adéstrase en segredo para facer voar un máxico anaco de madeira. A un novo amigo seu, un vello zapateiro xudeu chegado do norte de Europa, cúmpreselle finalmente unha profecía, baixo a forma dun bater de ás.
O protagonista é un lugar, Montedidio, unha elevación habitada dende hai milenios, con estratos de ósos e cinzas volcánicas. Dende o alto dunha das súas terrazas a media noite de fin de ano estoupa coma un cráter, liberando voos, abrindo precipicios.
[Presentación editorial]