Puntuación: 1.9/5 (36 votos)
"Non creo que se medre por ler un libro", fungaba Miguel. "Pois eu, cada vez que entro nun, saio diferente. Un levoume a coñecer unha illa onde chegou un náufrago; outro á lúa, montado nunha bala de canón", dixo o avó, "Colle ese que está aí e ábreo pola última páxina. Ves o punto final?" Entón comezou a aventura...
Miguel escorrega a través do punto final dun libro e cae nun delirante mundo de fantasía. Con Xelá, Alex lido ao espello, navega por un río de vidro nunha bañeira de vapor con patas de león, viaxa por desertos de azucre...
Esta é unha historia sobre o crecemento, sobre o crecemento interior e a importancia que os soños teñen na formación dos máis pequenos e no seu desenvolvemento posterior como adultos.
O libro e a lectura aparecen como posibles pontes de pasaxe entre o soño que precisamos e a realidade que atopamos día a día. No mundo do imaxinario todo é posíbel, e o protagonista, a quen non lle gusta ler nin imaxinar, vai descubrir o pracer da creatividade e a imaxinación, xunto coa afectividade.
Desde o punto de vista plástico, Marta Torrão ofrécenos unhas ilustracións ande o seu particular imaxinario de personaxes adquire unha nova dimensión, máis depurada, xogando con dous niveis de acabamento: o debuxo a lapis en branco e negro para algúns momentos, e a recreación combinada de debuxo e colaxe a cor para os momentos de maior intensidade da historia.
Coa mestura do marabilloso e do fantástico, asentado na base do real, esta é unha historia para ler, reler e redescubrir en cada lectura, sempre con sorpresa e agrado; e para que poidamos converternos, como lectores, en creadores de soños, en loitadores sen armas.
[Presentación editorial]