Puntuación: 2.1/5 (54 votos)
O vagalume xoga a ser estrela fugaz, a límacha pide un desexo... e entón comeza a viaxe cara ao país dos pexegueiros, seguindo a estrela polar, acompañados polas distintas fases da lúa.
Un desexo convértese nunha viaxe, a viaxe convértese nun encontro, un encontro lévate a buscar o Norte, o Norte é o lugar onde pedir desexos. O propio camiño, máis que o destino final, fai que os protagonistas desta historia se enriquezan, maduren e descubran novos mundos, dentro e fóra deles mesmos. Un conto que nos deixa ver desde os ollos máis pequenos, sobre a herba, entre as pingas de orballo.
Cecilia Afonso ofrécenos fermosas ilustracións nas que emprega a técnica da colaxe, usando papeis e fíos combinados con lapis e témpera. A través de figuras sinxelas e limpas, a ilustradora arxentina desprega unha particular linguaxe simbólica, ás veces abstracta e cunha gran carga poética, onde sempre queda lugar para que o lector se sorprenda, busque e atope; e nos regala chiscadelas, pistas, chamadas de atención nunha proposta que acompaña o texto e vai máis alá, inventando unha historia dentro da historia, que nos leva a buscar, cos protagonistas, a lúa nova.
[Presentación do libro]