Primeira novela de Paco Yáñez, ...distancias... é un camiño aberto ao noso propio corazón a través do percorrido vital dun mestre destinado a unha pequena escola da Costa Morte; un exilio interior que o irá separando de todo o mundo no que asentara a súa vida, e cuxa ausencia irá provocando que os lazos e as raíces coas que nos conectamos á nosa existencia vaian secando nel por mor da separación, ao tempo que lle obrigan a buscar refuxio noutras realidades que, quizais, poidan resultar insuficientes ante o baleiro que depara a soidade. Redactada a camiño entre o diario, a novela e mais o ensaio, ...distancias... propón unha reflexión profunda sobre o valor e o sentido da arte e da cultura na conformación da nosa persoa; un valor que entra en crise cando a nosa identidade sofre un continuado distanciamento físico e psicolóxico dos paraísos perdidos, pero que sempre ofrece un espello no que nos poder observar a través da longa experiencia de séculos da humanidade no recoñecemento de si mesma, na procura da comprensión do que fomos, somos ou criamos ser. [Presentación editorial]