Puntuación: 1.7/5 (78 votos)
Cadernos GRIAL xorde como complemento non periódico á revista que chega trimestralmente aos lectores. Partindo dun asunto de interese, unha iniciativa de creación ou pensamento, un colectivo de autores, etc., Cademos GRIAL presenta aos lectores un debate
permanente sobre a literatura, a creación e o pensamento dende Galicia.
En “Un mar de literatura. 10 encontros” recóllense dez voces galegas e doutras terras de España e Hispanoamérica que na semana do 13 ao 17 de outubro de 2003 viñeron a Vigo para falar do mar. Zoé Valdés, Luísa Castro, Jesús Ferrero, Suso de Toro, Manuel Vicent,
Víctor F. Freixanes, J. M. Caballero Bonald, Alfredo Conde, Rosa Regas e A. Bryce Echenique, todos eles cara ao mar, reflexionando, creando diversidade e enfrontándose cun paradoxo case absurdo: a escasa presenza do mar na narrativa española e na galega en particular.
Un paradoxo ferinte porque sabemos que España foi durante séculos unha potencia marítima e que a terra galega debe unha gran parte dos seus signos de identidade á súa relación co mar. O mar é un dos grandes ausentes da historia das narrativas hispánicas. Nos últimos tempos o mar resitúase e atopa un novo lugar simbólico, un espazo común no que abanean as obras destes dez escritores. Ben pola súa presenza, ben pola súa ausencia o mar afecta ás súas obras. O mar como un espazo que o enche practicamente todo fronte a un mar que provoca relacións imaxinarias que dan conta da súa ausencia. Dez caras do mar, espello de dez sensibilidades, un mar quente, cruel, doce, o de Zoé Valdés, o mar impredicible de Manuel Vicent, as experiencias trasatlánticas de Alfredo Conde, a experiencia atlántica ollada dende o lado andaluz de Caballero Bonald... Todas e cada unha das intervencións mostran como o mar é capaz de dar contido ao imaxinario humano, o fío vivificador entre a literatura do pasado e o mar simbólico do presente.
GRIAL, con “Un mar de literatura. 10 encontros”, pon nas mans do lector unha mostra de pluralidade, de sensibilidades que se complementan e diverxen, un diálogo entre distintas personalidades, vivencias e emocións que se enfrontan e analizan os seus propios mares, o mar de todos.
Esta entrega dos Cadernos GRIAL que a Editorial Galaxia coedita coa Fundación Caixa Galicia contou coa colaboración do Consorcio Zona Franca e do Museo do Mar de GaIicia.
[presentación editorial