Puntuación: 2.0/5 (34 votos)
A novela trata a tumultuosa traxectoria vital do seu protagonista, Mario Quintela, cuxa vida como funcionario eficiente e esposo amante parece estar condenada á tranquila felicidade típica dunha familia galega de clase media.
Porén, a novela comeza co seu protagonista ingresado no cárcere de Teixeiro á espera de ser entrevistado pola psicóloga da prisión. A partir da entrevista, vanse coñecendo os detalles que levaron a Mario Quintela ata unha tan indesexada situación. Aparecen así Roberto, traficante alcumado o Coronel, Eva, presidiaria na mesma cadea onde agarda Mario, Helena, avogada da ONG Portas Abertas e esposa do protagonista, e o padre Marcos, empeñado en rebaixar a condena de Eva.
As traxectorias dos personaxes de “A trenza” ocupan mundos e espazos diverxentes e crúzanse en repetidos momentos provocando, con cada cruzamento, a alteración do rumbo das distintas existencias. O peso das circunstancias sitúase por riba das decisións persoais, mesmo por riba das identidades, das familias e das institucións. “A trenza” constitúe un relato brillante e intenso dende os primeiros compases e que se vai enriquecendo a medida que os personaxes clave da historia acumulan experiencias vitais, en moitos casos completamente inesperadas.
[Presentación editorial]