Puntuación: 1.7/5 (73 votos)
De todas as novelas deste autor, "Lolita" é a máis completa, fascinante e controvertida. Despois de marchar de Rusia e do seu exilio en Berlín, Nabokov trasládase a Estados Unidos, onde se afai á nova vida dun país ao que acabará retratando ironicamente nesta novela. Máis aló da historia na que un home de mediana idade se namora perdidamente dunha rapaza nova ata o punto de perder o tino, mesmo máis aló do relato erótico, está o retrato dunha sociedade autocompracente.
Pero "Lolita" é unha novela que ofrece moitos niveis de lectura, escrita cun estilo narrativo pracenteiro e asequible, na que destaca a súa atractiva galería de personaxes. A obra, publicada por primeira vez en 1955, saíu á luz nunha editorial francesa e axiña fol tachada de pornográfica polos críticos e moralistas da época; tamén estivo prohibida en Gran Bretaña, pero en Estados Unidos converteuse nunha obra clásica trala súa publicación en 1958. Ao seu éxito tamén contribuiu a adaptación cinematográfica de Stanley Kubrick, con guión do propio Nabokov.
A súa riqueza lingüística, con abundancia de xogos verbais, semánticos e fonéticos, constitúe todo un desafío para calquera tradutor. Xesús Fraga aposta por non facer unha reescritura da novela, senón por achegala ao galego respectando a visión lúdica que o autor tiña da linguaxe, xunto coa expresión da personalidade do narrador e da protagonista. As súas innumerables referencias, dende a Grecia antiga aos anuncios das estradas na América dos anos 40, invitan a unha lectura intelectualmente rica e argumentaimente apaixoante.
[Presentación editorial]