Puntuación: 1.9/5 (57 votos)
"Obabakoak" transporta o lector ao territorio atemporal e infantil dos soños e da imaxinación, onde o extraordinario irrompe no cotiá. Obaba non existe, non está en ningún mapa, é un lugar máxico, mítico e cheo de supersticións, pero o lector axiña atopa un emprazamento para os 26 relatos dos que consta. Realismo fantástico o desta obra que se estructura en tres apartados: "Infancias", "Nove palabras en honra da vila de Villamediana" e "A busca da derradeira palabra".
Destaca a importancia que adquire para os protagonistas o exercicio da escritura, reflectida como un acto liberador que lles permite exorcizar os medos máis fondos. Destaca tamén a capacidade do autor para definir con precisión psicolóxica o perfil dos personaxes, chegando ata os recunchos máis privados da conciencia de cada un.
Un dos factores máis salientables é a representación doutros personaxes que non seguen as pautas e convencionalismos morais ou sociais; así, aqueles que pola súa conduta ou forma de pensar son sinalados co dedo, tamén están presentes: o tolo, o ateo, a muller solitaria... Para estes marxinais ou diferentes, o autor traza unha mirada amable e compasiva.
Un libro -publicado en 1988- que invita á reflexión literaria, escrito con singulares e variadas técnicas narrativas, e traducida por Ramón Nicolás a partir da versión en castelán do propio Atxaga; é o libro en éuscaro de máis sona internacional e traduciuse a máis de vinte linguas. Existe unha adaptación cinematográfica dirixida por Montxo Armendáriz.
[Presentación editorial]