Puntuación: 2.0/5 (46 votos)
O pequeno dromedario, véndose incapaz de soportar os comportamentos abusivos dos seus irmáns, de reaccionar ante situacións que Ile producen angustia, chora continuamente e, como consecuencia, ten unha chepa insignificante: pero, cando as cousas se complican para os demais, nos momentos difíciles, Macario actúa con intelixencia e demostra quen é máis "forte".
O pranto é unha reacción propia de desenvolvemento na infancia, como resposta a unha experiencia ou a unha situación. Nos primeiros anos da infancia, a complexidade das emocións pode facer sentir a impresión de non ter palabras para describilas e o pranto aparece con frecuencia ante situacións de medo, angustia, frustración, confusión, necesidade...
É importante recoñecer os sentimentos, as causas que os provocan, e actuar. A capacidade de reacción xera confianza e benestar, pero ás veces e necesaria a relación cos demais para afrontar determinados problemas; neste caso, a amizade de Macario co ourizo será determinante para resolver a situación.
O ilustrador portugués Bernardo Carvalho ofrécenos unha narración visual que nos fai viaxar ao deserto, cunha posta en escea moi clara para os primeiros lectores. Serigrafías en cores planas, trazo vivo e dinámico para crear uns personaxes divertidos e moi expresivos, cunha técnica limpa e directa.
[Presentación editorial]