Puntuación: 1.8/5 (73 votos)
Por iniciativa dos editores desta publicación, integrantes do Grupo Universitario de Investigación de Lingüística Histórica e de Ecdótica (GUILHADE) da Universidade da Coruña, co apoio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, celebrouse, na Illa de San Simón, durante os días 22 e 23 de xuño de 2006, o I Coloquio sobre Crítica Textual. "A Edición da Poesía Trobadoresca en Galiza".
Nas súas sesións de traballo, debate e intercambio científico, prolongadas en repetidos encontros posteriores, xeráronse de inicio os diferentes traballos dos participantes que agora felizmente veñen a lume nesta monografía, así como tamén se elaborou a proposta dunhas Normas de edición para a poesía trobadoresca galego-portuguesa medieval, aquí reproducidas en apéndice nas súas versións galega e inglesa.
É de xustiza agradecer o espíritu de traballo e de concordia con que esta proposta foi construída polos investigadores do sistema universitario galego intervinientes, así como a receptividade da Consellerería de Cultura da Xunta de Galicia para apoiar tanto aquela iniciativa como esta publicación.
As achegas dos diferentes investigadores galegos agora publicadas son unha mostra evidente de que, naquelas terras en que hai uns oito séculos se desenvolveu unha das máis relevantes escritas trobadorescas europeas, se continúa o labor de investigación e recuperación deste patrimonio literario-cultural de carácter universal.
En verdade, coidamos que un dos valores do conxunto dos capítulos agora publicitados é o da súa diversidade de intereses: desde reflexións sobre a aplicación das novas tecnoloxías á edición e os estudos de carácter editorial-interpretativo de diversos textos, até estudos por volta de cuestións lingüísticas ou métricas. Todos e cada un deles abordando aspectos de relevo no ámbito da poesía trobadoresca medieval, tanto na súa vertente profana canto nas Cantigas de Santa Maria.
Desexamos, por un lado, que o rigor das aportacións individuais aquí recollidas promovan unha produtiva discusión sobre os varios asuntos visados e, por outro lado, que o afán construtivo que presidiu a elaboración da proposta normativa editorial permita a súa aceptación como base firme para unha convención xeral de todas as persoas que traballan no ámbito da edición e do estudo da poesía trobadoresca galego-portuguesa.
[Presentación editorial]