Esta Breve Historia da Coruña pretende ser curta, manexábel e divulgativa. En nada busca ser exhaustiva nin comprensiva, porque non se poden esgotar nunhas poucas páxinas asuntos que xeraron polémicas sen conto. Non pretende servir como introdución a outros estudos de maior densidade, aínda que os recomende e deles se alimente.
Este libro enténdese como un paseo pracenteiro pola cidade. Vai na axuda do cidadán curioso que, no medio da trasfega cotiá, ten un momento para deterse e preguntarse polo sentido das rúas, das prazas, dos edificios: polo seu propio sentido. Por iso nos esforzamos por xunguir a historia da cidade aos nomes dos lugares, á configuración dos barrios e á lembranza das persoas senlleiras que neles habitaron.
O segundo dos propósitos deste libro é o de situar a cidade no seu contexto galego e galeguista. Asumimos sen discusión que non se pode negar á Coruña a súa longa vinculación co resto de Galiza e o seu traballo a prol da cultura e da política galegas. Desde este punto de partida queremos percorrer a cidade; queremos ver nela o que queda do que foi e o que aínda se pode imaxinar na memoria colectiva e por baixo dos disfraces das costrucións e dos costumes novos cos que a modernidade a miúdo trata de esquecer o pasado.