Puntuación: 2.2/5 (69 votos)
A casa de Mango Street é una historia colectiva e metafórica formada por 44 contiños conectados entre si polo punto de vista da súa narradora e protagonista, unha nena que vive nun humilde barrio hispano de Chicago. Esperanza esperta á adolescencia sentindo que non pertence, ou non quere pertencer, ao mundo que a arrodea, e soña con poder ser a dona da súa vida e do seu futuro.
A través dun estilo fugaz e directo, definido pola autora como “antipoético”, A casa de Mango Street, describe con breves pinceladas a situación socioeconómica da muller chicana nos Estados Unidos. Considerada xa un clásico da novela de aprendizaxe, expón temas coma a inmigración, a pobreza, o machismo, ou a desigualdade entre os sexos cun lirismo e unha proximidade que fan imposible que o lector non se sinta identificado cunha obra que descobre ata que punto os nosos medos e os nosos desexos son universais.
Sandra Cisneros naceu en Chicago en 1954, sendo a menor de sete irmáns homes. Na actualidade está considerada a mellor narradora chicana contemporánea, e o seu papel na literatura feminista é incuestionable. Comprometida de maneira destacada cos máis desfavorecidos do seu país e, por encima de todo, coa situación das mulleres, Cisneros describe cun estilo conmovedor a súa propia realidade e o complicado de atopar unha identidade e un lugar no mundo cando se é unha muller chicana.
A autora publicou os poemarios Bad Boys (1980), My Wicked Wicked Ways (1987) e Muller ceiba (1994), a antoloxía de contos Woman Hollering Creek (1991), a novela Caramelo (2002) e o conto infantil bilingüe Hairs/Pelitos (1994). A casa de Mango Street (1984), a súa primeira novela, foi un éxito rotundo dende a súa publicación. Eloxiada de forma unánime pola crítica e por un público que abarca todas as idades, utilízase en moitas escolas dos Estados Unidos como lectura obrigatoria.
[Presentación editorial]