Puntuación: 2.1/5 (39 votos)
Co presente traballo pretendo facer unha introdución ao mundo dos contos tradicionais
en Palestina e, ao mesmo tempo, comparalo cos galegos. Xa que a variedade de contos, dun lado e doutro, é moi ampla, limiteime ao estudo dos contos populares onde o animal é o protagonista ou, cando menos, un partícipe importante na historia. Inclúo varios contos de trasnos, que aparecen disfrazados baixo figuras de animais, e que teñen gran importancia no mundo árabe. Pois, non todos os contos estudados entran na categoría de «contos de animais», algúns deles son marabillosos ou de fórmula. Os datos manexados están tirados, na súa maioría, do libro
Palestine and Palestinians (2005), unha guía de viaxes palestina cunha ampla información histórica e social. Así mesmo, valinme da miña experiencia persoal para aportar información sobre motivos relixiosos e culturais. Neste sentido, teño que anotar que vivín tres anos en Israel –dous anos nun kibbutz e un ano en Xerusalén, cunha bolsa de estudos da Universidade Hebrea– e levo tres anos vivindo en Belén, Palestina, como mestre da Universidade de Belén. Estiven nestes lugares en diferentes períodos, entre o ano 1999 ata a actualidade, e durante este tempo puiden aprender a recoñecer as diferenzas entre as distintas sociedades que viven en Terra Santa.
O traballo está composto de dúas partes: a primeira é unha descrición histórica, social
e cultural de Palestina, na que se inclúe a súa tradición oral; a segunda é o estudo dos contos do corpus. Os contos están expostos de forma que aparecen despois dos motivos principais que os caracterizan. Amais, anótanse as versións que poda haber na lingua galega, explicando así as coincidencias e diferenzas entre ambas culturas, concretamente no ámbito da narrativa oral. Por último, axunto unha copia do conto «O reiseñoriño», nunha transliteración do árabe, para poder apreciar a sonoridade do idioma.
A introdución á historia de Palestina intenta contextualizar o ámbito no que aparecen os contos transcritos. Posto que a sociedade que conta e narra está unida aos acontecementos, moitos dos textos reflicten a realidade diaria do pobo palestino. Nalgúns casos preséntanse os costumes propios, noutros os seus medos e, na maior parte deles, a relixión. Cabe así diferenciar entre os contos de cristiáns e os de musulmáns. Se ben nas traducións dos textos escritos, a diferenza é menos evidente ca nos contos orais. As invocacións a Al-lah son frecuentes para os musulmáns, igual que a mención de profetas, sobre todo Salomón e Mahoma.
As historias palestinas aquí recollidas foron gravadas en inglés e árabe, e as sacadas de libros, de publicacións en árabe, hebreo e inglés que eu traducín ao galego, intentando reflectir as ideas do orixinal. A tarefa foi complicada posto que hai expresións, acompañadas de regras culturais, completamente alleas á sociedade galega e, polo tanto, de difícil tradución. Como exemplo disto, pódese anotar que, despois de duchárense ou de cortaren o pelo, os palestinos saúdan dicindo «naíman», que vén significar bonito ou parabéns polo cambio. Un feito estraño na nosa cultura, na que son actos cotiáns. Andrew Humphreys (2000: 873) relata as dificultades da tradución da lingua árabe, sobre todo cando está escrita, posto que as vogais non se escriben:
“Cando os editores de TE Lawrence lle pediron que clarificase as inconsistencias ortográficas
de nomes propios en Seven Pillars of Wisdom –o seu informe sobre a revolta árabe na Segunda Guerra Mundial– respondeu: Os nomes árabes non caben no inglés. Hai algúns “sistemas científicos” de transliteración, útiles para a xente que coñece suficiente árabe e non necesitan axuda, pero un fracaso para o resto. Eu escribo os meus nomes de calquera xeito, para amosar a decadencia destes sistemas.”
A tradución dos contos orais é unha tarefa antiga, orixinada nas viaxes que levaron historias
duns lugares a outros. No caso dos contos palestinos, a viaxe lingüística do árabe ao
galego foi complicada, posto que o árabe coloquial é moi diferente ao literario e non hai
dicionarios que rexistren a variedade palestina. Amais, algunhas das narracións conteñen
pasaxes en prosa rimada e en verso –vésase o conto «A cabuxiña»– que son imposibles de
reflectir debido á gran variedade de sons existentes en árabe, e dos que carece o galego.
[Fragmento do Limiar de Moncho Iglesias]