Puntuación: 1.9/5 (47 votos)
Cardo lemos a Platón estamos lendo os textos onde Occidente aprendeu a pensar razoadamente en «discurso». A débeda da cultura occidental con Platón é incalculable. Creou a base dun vocabulario filosófico aínda en uso. Foi o primeiro en formular unha chea de temas trascendentes sobre os que deixou suxerencias ineludibles. Levou ao cumio o diálogo como método heurístico e expositivo. Mesmo diálogos hoxe superados (Timeo, Crátilo) están no alicerce da Física e da Lingüística. Por máis que teña minguado a súa influencia desde o século XVIII para acó, o pensamento occidental artellouse a prol del ou en contra de el. Como se ten afirmando, toda a filosofía posterior ten sido «un comentario a Platón».
Nos diálogos, genus dicendi que Platón inaugura. preséntase a filosofía como filosofar, reflexión en marcha, exercicio de pensar en controversia. A verdade non está patente nin vén dada por oráculos: cómpre buscala. E cómpre buscala en compaña, enunciando cada quen a súa opinión e discutindo as discrepancias ata chegar, no caso mellor, a concordar.
Teeto-diálogo escrito entre os anos 374 e 376 e que toma o seu nome do dun intelixente mozo morto prematuramente— é unha referencia imprescindible para comprender toda a filosofía platónica o que xustitica dabondo a súa presenza nesta colección. Consagrado á determinación do que é coñecemento, discútese sucesivamente se o coñecemento é percepción, opinión ou opinión razoada para concluir que ningunha das tres cousas. Como obra aberta que é, como argumento que non se esgota nos dicta, como clásico do pensamento, o diálogo remata incitando a novos comentarios, interpretacións e puntos de vista.
[Texto de lapela]