Cómpre saudar con leda satisfacción un traballo coma o que o lector ten agora entre as mans, O sistema literario galego precisa de espellos coma este, coma o que nos subministra Francisco Mariño, para recoñecerse e entenderse. Precisa de estudos comparatistas coma o presente, estudos do diálogo intersistémico que as letras galegas practicaron e practican modernamente. Deste xeito, acabamos debullando, grazas ó xeneroso traballo do investigador, os ecos que entre nós tivo un autor do talle descomunal de Goethe. Algúns destes ecos foran explícitos, coma no caso de Otero, outros, aínda que velados, recoñecibles. Mais non se abordaran nunca dun xeito sistemático e desde a perspectiva dun grande coñecedor da obra do alemán que igualmente se nos revela agora como atento seguidor das letras en Galicia. Por iso este traballo resulta para nós especialmente luminoso.
[Fragmento do prólogo de Anxo Angueira]