Puntuación: 2.0/5 (49 votos)
“Sexa como for, é innegábel a condición paradigmática da idea do desexo amoroso que Safo transmitiu ao longo do tempo. E resulta innegábel que a imaxe de Eros plasmada na poesía de Safo será determinante na posterior concepción occidental desta potencia divina.
É difícil negar que os lazos que vincularon a Safo con algunhas das súas acólitas eran eróticos, mais tamén é certo que non se pode aseverar sen certo risco que as prácticas que levaban a cabo eran lésbicas no sentido actual da palabra. Na época clásica a homosexualidade feminina era un tabú, e a literatura ratifícase escasa ao respecto: un par de citas de Platón no Banquete e nas Leis, unha referencia de Plutarco acerca das espartanas en Licurgo, e outra de Luciano de Samóstata en Diálogo das cortesás. Porén contamos con moitos restos iconográficos, o que indica que estas prácticas lésbicas existían.
A obra de Safo, pois, constitúe a fonte máis clara do sentimento erótico que unha muller podía inspirar a outra, así como a naturalidade coa que dita experiencia se vivía en época arcaica. A cuestión sáfica, Sapphofrage, que tanto anoxou aos especialistas de comezos do século XX, é cada vez menos problemática para a civilización occidental, e os historiadores modernos non albergan dúbidas sobre a existencia de prácticas eróticas no círculo sáfico. En realidade o raro no mundo grego era a solteiría, mentres que as relacións de tipo pederástico homofílico revestían un carácter iniciático e pedagóxico.
O que si resulta inconstestábel é a calidade poética e artística dos poucos fragmentos que hoxe podemos ler da nosa poeta. Considerada a décima Musa xa na antigüidade, (Antoloxía Palatina, VII, 14), o sino da poeta transita e transitará con pé firme a través da historia entre o mito e a realidade.”
[Fragmento da Introdución]