Puntuación: 2.3/5 (51 votos)
En xuño de 1902 fúndase na Coruña o Centro de Estudios Sociais Germinal. Promovido por un grupo de obreiros, fundamentalmente de ideoloxía libertaria, pero coa participación dalgúns republicanos, Germinal foi unha das institucións máis coñecidas, activas e significativas da Coruña do primeiro tercio do século XX. Porque calquera coruñés da época sabía da existencia de Germinal, o Centro organizador de conferencias, mitins, excursións, clases nocturnas para obreiros... e que contaba coa mellor biblioteca privada da cidade, así como cun Orfeón durante un tempo e un Grupo de Declamación.
Germinal, xunto con La Antorcha Galaica del Libre Pensamiento, foron as institucións coruñesas de referencia para todo tipo de actos relacionados coa defensa da liberdade de pensamento, o anticlericalismo, as ideas libertarias e societarias. Ben como organizador, ben como colaborador, o Centro estivo sempre presente nos acontecementos deste tipo que tiveron lugar na Coruña. As múltiples clausuras que tivo que soportar non foron capaces de matar a institución que, desde o principio, nace con espírito rebelde e disposta a soportar todas as dificultades que se presenten no seu camiñar.
Os máis destacados líderes obreiros coruñeses foron, nalgún momento da súa traxectoria, directivos de Germinal, de aí que non se poida entender o labor desta sociedade, de emancipación pola cultura, sen situala no seu contexto histórico.
Con este libro, Carlos Pereira Martínez e Ana Romero Masiá contribúen a proporcionar un pouco máis de luz nese ámbito xeralmente esquecido polos historiadores, o mundo obreiro, que se viu na necesidade de xerar unha proposta cultural alternativa para a súa formación intelectual.
[presentación editorial]