A literatura como realidade que xorde da mesma literatura é a certeza da que parte a nova novela de Xosé Carlos Caneiro.
"A vida nova de Madame Bovary" conta a historia de Hermelinda que, enganada polo seu marido, abandona a vida familiar pretérita para se refuxiar nunha peculiar casa de hóspedes chamada O Gatopardo. Lugar de encontro de perdedores, ilusos e namorados, de alí vai abrollar o intenso aluvión de historias que asolaga a novela.
Un festín esperpéntico, unha obra narrativa que desmitifica o fracaso ao tempo que ergue un poderoso mundo ficcional, cheo de paixón literaria, pulo vital, humor e sensibilidade. [Presentación editorial]