Manuel María, escritor que cultivou -e cultiva- todos os xéneros literarios, nesta súa nova entrega, de título ben significativo, tal vez intencionado e alusivo de “Historias do empardecer”, recolle unha serie de narracións sinxelas e directas, escritas en diversas épocas, fondamente enraizadas no vivir galego.
A primeira parte componse dunhas instantáneas súbitas como "retratos ao minuto" de aspectos moi concretos do acontecer diario deses seres inocentes e anxélicos coñecidos como toliños, privadiños, derramados ou persoas que "non son ben de seu". A segunda parte abrangue narracións que van desde o relato pseudohistórico ao paródico.
“Historias do empardecer” son relatos abertos á monotonía do cotián que, por veces, transitan polos camiños máxicos da imaxinación. [presentación editorial]