Puntuación: 1.7/5 (72 votos)
Cunha estrutura encabezada por poemas de Safo de Lesbos, a protagonista vai esmiuzando, nun xogo de intertextualidades, o que é a súa vida, marcada por un pasado de relacións imposibles de esquecer, dende a primeira infancia ata o momento presente. Vázquez Pintor, cunha linguaxe luminosa e unha poeticidade de imaxes que esixen do lector unha participación activa, explora algunha das vetas máis escuras do ser humano, a soidade, os grandes traumas, a dor en estado lacerante, para deixar constancia da catástrofe emocional que supón enfrontarse a vivencias límite.
Solidez, coherencia e complexidade formal conforman este universo rico que se rexe polas leis da simultaneidade perfecta de planos espazo-temporais, pola evocación de poemas que, coma ecos, reinventan a memoria devastadora que nos dá a medida da concepción de que todo é cíclico, illa, fulgor do instante. O libro, que pode ser lido como un longo poema en prosa, como as páxinas dun diario íntimo ou como uns delicados apuntamentos que convidan á reflexión, foi definido polo xurado do Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2007 como “Unha novela innovadora cunha gran carga poética na que abundan as figuras literarias. Sorprende o xogo temporal, a presenza do mundo dos sentidos e o achegamento a un tipo de sexualidade minoritaria” Velaí o testemuño dunha biografía insubornable.
[Presentación editorial]