''Escritor maldito nunha cultura tanto tempo maldita'', como o describiu Manuel Rivas en 1978, o escritor e guionista de cine Francisco Taxes Prego (A Coruña, 1940-2003) apostou nos seus textos por un teatro popular, comprometido e divertido, contribuíndo deste xeito a converter a arte de Talía nunha ferramenta fundamental na loita a prol da recuperación e a normalización da cultura e a lingua galegas. Este volume, que recolle a súa produción dramática ao completo, inclúe dúas obras inéditas, Caderno de bitácora –representada polo CDG en 1985– e a persoal e transgresora Elas (1997). Na introdución, preparada por Xurxo Taxes Díaz, dáse conta da andaina vital e artística dun dramaturgo que soubo, sen prescindir da defensa dun teatro de diálogos áxiles e aparencia sinxela e natural, afondar nos grandes temas da condición humana, como a morte, a violencia, o poder ou o sexo. Un libro clave para a recuperación dun dramaturgo clave no devir do teatro galego da segunda metade do século XX. [Presentación editorial]