Puntuación: 2.1/5 (83 votos)
Fráxil e profunda, Rosalía de Castro transitou pola vida con palabras de revelación e misterio. Nun país sen voz propia, foi a primeira en atopar o nome non escrito das nosas cousas. Os libros “Cantares gallegos” e “Follas novas”, aos que pertencen os poemas desta escolma, son textos reivindicativos, que enxalzan a terra, a muller galega, os nenos, os vellos, os desposuídos... A poeta-muller nunha Galicia analfabeta no seu idioma, orfa de nenez, de saúde precaria e agoniada polas penas, que asumiu a defensa e canto do país, é un mito das letras e da galeguidade en calquera recuncho do mundo.
Belén Padrón dálle forma e cor a cada poema, plasmando nas súas ilustracións a súa visión do imaxinario ‘rosaliniano’. Imaxes de contido onírico e simbólico sobre o desamor, a morriña, a beleza da paisaxe, a vida da paisanaxe, as inxustizas sociais, a saudade e o desacougo interior.
[Presentación editorial]