Os versos deste libro son fondos e son limpos. A poesía, ás veces, quere casar connosco aínda que non teña roupa. Non falo da poesía pura, e menos aínda espida, por favor. Acódenme á memoria, fatalmente, aqueles finais eróticos (e neuróticos) de Juan Ramón Jiménez, autor dun dos peores versos da poesía española –“que se me fue, que se me fue el atardecer”. Ou cousa así. Non era un chiste.
Lema milita, pola contra, na impureza, no centro dun lugar que non é España. Un lugar onde unha perna tapa a outra. E para vir a xunta min. E que me dixo teu pai. A orquestra toca ao fondo música popular e, sen desconcentrarse,
Lema escribe como un poeta clásico. Porque tivo o bo gusto de elixir a vangarda para a vida. Miguel Mosquera
resumiuno nunha imaxe afiada: “épica da experiencia”. Estou de acordo. [Fragmento do prólogo de María do Cebreiro]