Un labrego de Eiras (San Amaro) embarca para Cuba con quince anos. Xa vello, rememora na Habana a potencia campesiña da bocarribeira de Razamonde nos comezos do século XX: riquísima en viño e carne, libérrima no fornicio pero implacábel na lei tribal do casamento; festeira e bailadora pero violenta, con código de pólvora e machado, polas estremas e contra os mozos pretendentes das aldeas veciñas.
Entrampado polos ganchos (os axentes das navieiras que vendían billetes para América a comisión), o protagonista foxe de polisón nun vapor para vivir un susto cada hora, coma os perseguidos de Barrigaverde. Xa na beira da costa cubana, o rapaz rompe a chorar cando o sorprende un cociñeiro: “A fin de contas –recorda- era un cativo: só tiña quince anos”.
O pícaro supera a Huckleberry Finn na súa inventiva para sobrevivir na travesía e na Cuba que resiste xa no primeiro cuarto de século XX a inxerencia norteamericana. Reparte carbón, aprende a conducir un Ford T, faise cociñeiro experto, poceiro, tractorista na zafra e mecánico dun ingenio até que a Revolución lle asegura un merecido retiro. [Presentación editorial]