“Unha folla de papel, que se encontraba sobre un escritorio xunto con outras follas iguais ca ela, atopouse un bo día toda chea de signos. Unha pluma, mollada de tinta negrísima, trazará sobre a folla de papel unha morea de debuxos e palabras…
Xa non es unha folla de papel, desde agora serás unha mensaxe, e ademais custodiarás o pensamento do home.”
Cunha coidada edición delicadamente ilustrada aparecen As Fábulas de Leonardo, volume que recolle pequenos textos de valor simbólico escritos por Leonardo da Vinci baixo a fórmula dunha fábula moi próxima ao poético. A obra descubrirá aos lectores a faceta menos coñecida do xenio renacentista. A publicación está dispoñible en galego e asturiano co selo de Edicións do Cumio e en castelán e catalán baixo o selo Ellago Ediciones. [Presentación editorial]