Berta Dávila traza nos poemas deste libro unha paixón —paixón con corpo e no corpo—, e hai un fondo vivo de "crónica", unha perspectiva de acción dramática no seu sentido máis puro, un "depoimento". Mais sabe a poeta —estamos diante dunha poeta culta— que a poesía é "linguaxe nunha linguaxe" (P. Valéry) e talvez por iso cita ela mesma ao Peirce que di que "o primeiro efecto significado propio dun signo é o sentimento que o signo produce". Poesía, pois, do sentimento; ou, mellor dito, da resonancia do sentimento. O que nos levaría a fixar tamén na poesía de Berta Dávila unha sorte de tremor existencial como semente ou fundamento radical do seu dicir. O "corpo baleiro" da poeta é un estado da alma, unha proxección semiótica do vivido e do sentido. E velaí a súa "enerxía nativa" (Baudelaire), a súa verdade interior, a verdade dunha poesía que vibra agora para nós, lectores da súa exhalación, intérpretes fascinados dun proceso existencial, dos ritmos dun ser que nos ilumina e nos perturba. Nace aquí unha poeta, Berta Dávila, que escribe xa o seu escintilar de astro no futuro. [Fragmento do prólogo de Miguel Anxo Fernán-Vello]