Puntuación: 1.9/5 (36 votos)
Este libro comezouse a escribir a finais da década do 70 e, máis ou menos, rematouse a finais dos noventa, despois de pasar por labirintos, correccións, dúbidas e atrancos varios; ata ser retomado, definitivamente, neste ano en curso, no que se redondeou, enfeitou e se puliu ata acadar unha faciana aceptábel.
Un libro de poemas sempre me pareceu una cousa de moito compromiso, unha responsabilidade coa palabra que non se pode deixar á vaidade ou á presa por publicar para ter un posto relevante na república das letras. A min xamais me interesaron eses postos, aínda que si pido respecto para o que as miñas musas teñan a ben aportar á arte da palabra e o esclarecemento das enfonduras polas que navega a alma das persoas. Para min escribir é pór a clareo as sombras persoais e, aínda máis, as que me avincallan coa comunidade humana. Nunca sentín este oficio coma un xogo.
Eu escribo con carbón, non con diamante. Escribo coas cinzas que deixan as estrelas no meu corazón e dígoo, pero dóome, igualmente, das cinzas que caen nos outros corazóns. Así que os meus libros nunca falaron de min soa, senón de toda a humanidade, da que me sinto solidaria no que é máis radical e máis fondo: a fame de absoluto. Por iso cáusame alerxia todo o que non é auténtico e tanta xoia falsa que pasa por ser xema preciosa.
[Fragmento do prólogo]