Puntuación: 2.3/5 (58 votos)
Yasunari Kawabata (Osaka, 1899-1972) foi o primeiro escritor xaponés galardoado co Premio Nobel de literatura, en 1968. Graduouse na prestixiosa Universidade Imperial, onde fundou xunto con un grupo de compañeiros a revista Shinshiko (Novo pensamento) un ano despois de ingresar, en 1921.
Kawabata quedou orfo con tres anos, e aos catorce sen os avós e sen a única irmá. Esta soidade marcou a súa vida e o ton melancólico das súas obras, recoñecido por el mesmo. Suicidaríase catro anos despois de recibir o Nobel, dous anos despois de Mishima, a quen o unía unha grande amizade. Foi un dos escritores xaponeses máis puros, de estilo melodioso e gran lirismo. Entre as súas numerosas obras cabe destacar A bailarina de Izu, O país da neve, O son da montaña ou O belo e o triste.
Tras as cortinas do veludo carmesí agardábao unha moza adormentada, completamente sumida nun profundo sono. “Non intente espertala. Por moito que faga, ela non espertará. Está profundamente enfrascada no sono, non se dá conta de nada... Nin sequera de quen a acompañou. Non debe vostede preocuparse.”
Eguchi comeza a acudir á casa das belas adormentadas, onde a través das mozas evocará os recordos das súas mulleres e, ao mesmo tempo, toma conciencia da soidade e da fealdade da vellez. O tempo neste lugar transcorre noutra dimension, na que para Eguchi cada detalle recobra un sentido e unha emoción.
[Presentación editorial]