En forma de apuntamentos, fotografías e entrevistas, Alba Vázquez Carpentier achegouse, nunha investigación desenvolvida entre 2004 e 2006, ao sector máis directamente ligado co tema dos incendios, o do persoal encargado da prevención e a loita contra o lume forestal.
A través das conversas e as observacións desta reportaxe, no libro podemos encontrar claves sobre as causas do lume en Galiza, e tamén do estado actual das medidas postas en xogo polas distintas administracións de cara á prevención e a extinción. É, pois, unha visión poliédrica do panorama, en que persoas dos máis diversos medios involucrados —membros de brigadas, vixilantes, técnicos forestais, pilotos de hidroavión e helicóptero...— comentan as dificultades para o desenvolvemento do seu labor e a súa visión sobre causas e posíbeis solucións dun problema que leva afectando Galiza desde hai demasiado tempo. [Presentación editorial]