Puntuación: 2.1/5 (51 votos)
Anna Akhmátova forma parte da brillante pléiade de poetas rusos que conforman o chamado “Século de Prata”, entre os que se atopan autores como Alexánder Blok, Innokenti Annenski e Nikolai Gumiliov, entre outros. Foi este último, primeiro marido da autora, o que impulsou o movemento acmeísta, vangarda coa que Akhmátova estivo vinculada no seus comezos, e que tiña como un dos seus principios básicos “escribir con palabras claras sobre asuntos reais”.
En 1917, coincidindo coa Primeira Guerra Mundial e co inminente estalido da Revolución, Akhmátova, poeta xa recoñecida, decantarase cara a un maior compromiso civil. Mentres moitos dos seus contemporáneos optan pola emigración, ela decide ficar na súa terra e contar o que acontece, erixíndose así na “voz do pobo ruso”. Tras anos de silencio creativo escribe o seu "Réquiem", extenso poema de extraordinaria forza, dedicado ás mulleres que nos anos de represión estalinista facían cola a carón do cárcere de Leningrado, para pasarlles paquetes aos familiares recluídos. Neses anos do terror estalinista e de censura feroz, Akhmátova queimará o manuscrito por medo ás represalias, e o poemario, que se conservou na memoria dunha ducia de amigos, non verá a luz en Rusia ata a segunda metade da década de 1980, en plena perestroika.
Nos anos 40 Leningrado sofre o asedio alemán e Akhmátova é evacuada á cidade de Tashkent, onde redacta o seu longo "Poema sen heroe", no que traballou máis de vinte anos, creando varias versións desta enigmática obra na que reconstrúe os anos da modernidade literaria de San Petersburgo.
O dramático destino persoal de Anna Akhmátova viuse marcado polos grandes acontecementos históricos da época. O seu marido, Nikolai Gumiliov, foi acusado de participar nun complot antisoviético e fusilado. O seu único fillo, Lev, foi detido ata tres veces e pasará máis de 10 anos no gulag. A propia poeta foi expulsada dúas veces da Unión de Escritores Soviéticos.
A ampla selección de poemas desta antoloxía fíxose seguindo os criterios da representabilidade, a calidade e tamén o gusto persoal das súas responsables. A orde na que se presentan non é necesariamente cronolóxica, xa que respecta a asignada pola poeta nos orixinais. Ademais dos libros publicados como tales pola propia Akhmátova, baixo o nome de “O que non entrou nos libros” inclúense poemas publicados en vida da autora, ou preparados por ela para a súa publicación, incluídos en cartas, regalados a amigos, etc. Na sección “Borradores e esbozos” figuran versos atopados nos arquivos da poeta e publicados post mortem.
[Presentación editorial]