Puntuación: 2.4/5 (65 votos)
Con “Así nacen as baleas”, a escritora Anxos Sumai obtén o Premio Repsol YPF do ano 2007.
Nesta segunda edición, o premio de narrativa breve organizado por Repsol YPF en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e publicado por Editorial Galaxia outórgase a unha obra que conta a historia dunha liberación a través da ollada dunha muller. Unha novela na que sentimentos, paixóns, condicionantes sociais e biografía estouran a través dunha maneira de narrar que descobre un mundo cos ollos novos de quen quere vivir nel de xeito diferente.
Logo de acadar o Premio da Crítica galega con Anxos de garda no 2004 e despois do éxito entre lectores e lectoras de Melodía de días usados, Anxos Sumai obtén o Premio de Narrativa Breve Repsol YPF 2007. Así nacen as baleas conta a historia dunha viaxe de regreso á casa, á orixe familiar dunha muller nova que retorna ao seu pasado como única posibilidade de entender e vivir o presente.
De volta desde California, onde como bióloga traballa coas baleas, a narradora da novela
redebuxa o seu pasado coa axuda da lembranza da figura do seu irmán Ramón, un neno con problemas psíquicos que, coma a protagonista, só é quen de existir mentres pode facerse preguntas.
Anxos Sumai conta a historia cunha linguaxe narrativa na que metáforas, personaxes e relato conflúen para describir o mundo desde a ollada diferente dunha rapaza e do seu irmán discapacitado psíquico.
O premio, que na anterior edición obtivo Miguel Sande coa a novela “Se algún día esta muller morta”, foi concedido por un xurado formado por representantes da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da Real Academia Galega, da Asociación Galega de Editores, dos organizadores e de Editorial Galaxia.
[Presentación editorial]