O Val de Barcala foi un viveiro migratorio. A Unión Barcalesa de La Habana representa a máis forte e senlleira entidade cultural-educativa dos emigrantes desta comarca galega no século XX. Creouse na capital cubana en novembro de 1907, polo que chega a ser centenaria no ano 2007, e aínda ten vida de seu na actualidade. Trátanse nesta monografía varios temas relativos á Unión Barcalesa: nacemento, organización, análise das súas memorias e Libros de Actas, actividades, creación e funcionamento das tres escolas erguidas pola Unión..., e finalmente a situación máis recente desta sociedade, que constitúe a única colectividade de emigrantes barcaleses organizada no mundo. O libro vai ilustrado con fotografías de Xurxo Lobato e inclúe documentos e material gráfico de diversos arquivos. Leva unha presentación de Manuel Luís Rodríguez —secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia— e incorpora un limiar de Vicente Peña Saavedra, profesor de Historia da Educación na USC. [Presentación editorial]