Puntuación: 2.1/5 (45 votos)
"Moitos días ven a verme unha nena.
Tamén monta en min. Asústanme os humanos;
Cando os vexo amiña cabeza dime: fuxir.
Mais a nena xa non me asusta.
Sei que non quere facerme dano,
sei que me quere como eu aprendín a querela a ela."
A través dun relato cheo de tenrura e emoción, en ton poético, Gonzalo Moure invita ao lector a adoptar un punto de vista inusual, a poñerese na alma e nos sentidos dun cabalo, o que en definitiva supón verse a si mesmo a través doutros ollos para comprender como somos vistos os humanos por seres sobre os que exercemos dominación, e mesmo violencia.
En total harmonía co texto, as ilustracións de Esperanza León sumérxennos nun diálogo entre pensamento e materia, pasado e presente. Partindo da arte rupestre, na que se inspira, os seus pinceis mesturan pigmentos e cores cheas de siginificado: a area que evoca un tempo dourado, o azul dos soños e o gris da cinza. Apréciase unha xustaposición de imaxes nalgúns debuxos intencionadas, apelando ao destino compartido que une a home e cabalo.
Trátase dun libro "cabalista", non "homista", como o define o autor; un libro enriquecedor, unha cura de humildade, unha historia de amor na que o cabalo dános unha lección de xenerosidade, tolerancia e comprensión. O cabalo asume que alinguaxe de homes e equinos é diferente pero aprendeu a interpretar a vontade das persoas a través das súas expresións e movementos; a cambio, pídeno o mesmo esforzo que el fai por nós: que saibamos o valor dos seus xestos, olores e rinchos, porque a comunicación non se cingue unicamente ás palabras.
A clave está en adoptar outra visión do cabalo, non como obxecto de pracer ou de traballo físico, senón como exemplo de nobreza, equilibrio e respecto coa natureza. Un animal que ama a liberdade, unido por un profundo vínculo cos seus semellantes, cunha forza directamente proporcional á súa sensibilidade. E así, disposto a esquecer e perdoar que humanos -carnívoros- e cabalos -herbívoros- sexan bioloxicamente inimigos, ofrécese para que as dúas especies formen unha soa cando comparten o camiño, o vento...
[Presentación editorial]